Os Equipos de Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas e do IES Castelao, xunto coa Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas poñen en marcha unha nova iniciativa conxunta de promoción da lectura que busca, ademais, a visibilización e o emprego do galego como vehículo de comunicación.
Requisitos previos
Neste concurso poderán participar todas aquelas persoas e colectivos que o desexen enviando un vídeo ao correo electrónico recomendocheunlibro@gmail.com e que cumpran os seguintes requisitos:
Cumprimentar o “Documento de aceptación das bases”.
Entregar o “Documento de aceptación das bases” completo e asinado cunha copia do DNI no correo electrónico recomendocheunlibro@gmail.com ou de forma presencial ou correo postal na Biblioteca Xosé Neira Vilas de Vigo.
Os proxectos poden tratar sobre calquera libro, tema, idioma e/ou soporte sempre que sexa unha copia legal.
Poden realizarse críticas literarias, booktrailers, booktube ou calquera tipo de proxecto audiovisual dirixido á animación lectora.
Ten que estar feito en galego. Valorarase positivamente o feito de que aparezan obras en galego nos proxectos.
O tratamento da crítica ten que ser sempre en positivo.
Dado o caso, o vídeo ten que protexer a trama do libro, non pode desvelar nada relevante da historia.
O tratamento e a linguaxe debe ser respectuoso, non debe ser groseiro e debe ser adecuado a todos os públicos.
A gravación non pode durar máis de 3 minutos.
Tanto a imaxe como o son deben ter os niveis adecuados para poderen ser reproducidos.
Valorarase positivamente a calidade técnica e artística así como a creatividade dos proxectos, o risco narrativo e a intención de facer achegas ao audiovisual.
O formato debe ser adecuado para poder transmitirse por esta canle.
Os participantes garanten coa aceptación das bases que posúen os dereitos de autor do proxecto audiovisual, incluídos os de imaxe e son.
Todos os vídeos aparecerán etiquetados cos seguintes datos: Nome do autor/es Título do libro – Autor do libro – Edición.